Limiar
Hoxe foi o día no que
finalmente acabei por decidirme e comezar un blog. Esta decisión foi
precipitada por unha reflexión que facía de camiño para casa, despois de
botar unhas horas montando na BMX cos meus amigos; canto desfruto
transmitindo a información que rodea o noso mundo. Son unha
persoa que procura sempre ter unhas ideas sólidas e ben formadas, polo
que entendo que a miña visión pode resultar interesante ao lector
medio.
Ademais de ter o sentimento de poder ser capaz de facer
un bo traballo con este blog, outro dos motivos que me impulsou a
realizalo foi o da obriga; sentía que era o meu deber devolver algo ao
mundo da BMX que tantas cousas me ensinou, tanta xente me deu pé a
coñecer e tanto mundo me permitiu ver. Fico abraiado cada vez que me
decato do estado mental que compartimos aqueles que sentimos verdadeira
paixón por este mundo, independentemente do nivel cultural, do entorno
social ou mesmo da nacionalidade. Precisamente, este será o factor que
fará deste blog algo distinto de calquera outro, polo menos de calquera
outro do meu coñecemento, a transformación do foráneo en algo próximo.
O
obxectivo principal que sostén este blog é o de botar abaixo a barreira
idiomática que dificulta a comprensión das novas diarias para aqueles
riders non anglofalantes que teñen o mesmo dereito de desfrutar de
entrevistas dos seus riders favoritos, coñecer o correcto nome dos
trucos, ler análises dos vídeos máis esperados ou mesmo algo tan simple
como poden ser as anécdotas da industria que adoitan ficar na
escuridade. Ademais de levar a cabo este labor, teño a intención de
moldear levemente a idea que se ten do blog de BMX tradicional,
ofrecendo contido que mostre o lifestyle presente no día a día.
Porén, agardo que esta diversificación non afecte á
calidade da información en ningún momento. Teño a intención de contar
con algúns colaboradores adicionados de xeito que podan ofrecer outras
perspectivas interesantes. Stay tuned para coñecer as novidades que se
incluirán co percurso do tempo!!
DO RIGHT, DO BIKES.

Sem comentários:
Enviar um comentário